Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta aposta pola eficiencia enerxética, cun investimento previsto de 12,5 millóns de euros ata 2020, para mellorar instalacións administrativas e xudiciais


No complexo de San Caetano instalarase no segundo semestre de 2016 un district heating, rede de distribución de enerxía, que proporciona auga quente e calefacción a tódolos edificios do complexo

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é a responsable do mantemento das infraestruturas xudiciais e dos complexos administrativos. No exercicio desta competencia detéctase a necesidade de continuar avanzando na implantación de medidas que permitan acadar maiores cotas de eficiencia enerxética.

A dotación de fondos europeos (FEDER) asignado á Vicepresidencia no período 2014-2020 en materia de eficiencia enerxética, xunto co financiamento propio, suporá a execución de actuacións por importe de 12,5 millóns de euros que permitirá que, unha vez realizadas todas medidas, se reduza o consumo de enerxía en máis 3 millóns de kWh ao ano.

Esta investimento executarase nun triplo ámbito de actuación, na mellora dos sistemas de iluminación artificial coa substitución de halóxenos e lámpadas de baixo consumo por lámpadas con tecnoloxía LED e automatización e regulación dos sistemas de acendido e apagado de luminarias; a mellora enerxética dos sistemas de climatización, con esta medida modernizaranse os sistemas de xeración de frío e calor con sistemas de enerxía máis eficientes e tamén se mellorará a difusión e control dos sistemas de climatización existentes, e actuacións sobre a envolvente dos edificios, mellorando o illamento térmico e aplicando sistemas de sombreamento para evitar a insolación directa.

Deste xeito, executaranse no ano 2016 un total de 2,6 millóns de euros para financiar estas actuacións de mellora da eficiencia enerxética, que se destinarán a partes iguais para infraestruturas administrativas e para as xudiciais, dando un impulso a instalación de caldeiras de biomasa e a mellora das envolventes dos edificios.

A curto prazo abordaranse entre outras as as seguintes actuacións, a instalación de caldeira de biomasa no edificio da delegación da Xunta de Galicia na Coruña, no edificio xudicial de Santiago e no edificio xudicial de Vigo; a instalación de elementos de climatización no edificio xudicial de Santiago e nos edificios das delegacións da Xunta de Galicia en Lugo e Vigo; e a renovación das carpinterías exteriores do edifico da Audiencia Provincial de Lugo e no edificio xudicial de Vigo.

Estas obras completaranse con outras a medio prazo, como poden ser instalación de caldeiras de biomasa nos edificios xudiciais de Pontevedra e Ordes, renovación das carpinterías exteriores dos edificios xudiciais de Chantada e A Estrada, así como a renovación da iluminación, mediante a instalación de luminarias LED e sistemas de regulación da iluminación na gran maioría dos edificios administrativos da Xunta de Galicia e nos edificios xudiciais de Galicia.

Impulso da biomasa
Neste eido, cómpre recordar que a Xunta de Galicia desenvolveu a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa 2014-2020 ao comprobar a conveniencia de impulsar a biomasa por tratarse dun combustible autóctono, menos contaminante e que permite colaborar ao desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia e a redución dos incendios forestais.

Grazas á colaboración co Instituto Enerxético de Galicia, no marco das subvencións para a renovación de equipamentos térmicos, estase a traballar na substitución de caldeiras de gasóleo por outras que empregan a biomasa como combustible.

Por outra banda, no complexo de San Caetano instalarase un district heating, rede de distribución de enerxía, que proporciona auga quente e calefacción a todos os edificios do complexo conectados cunha sala de caldeiras por tubarias. Grazas a este cambio de combustible para o funcionamento da calefacción en San Caetano estimase un aforro anual de máis de 63.000 euros. A previsión é que no segundo semestre de 2016 estea en funcionamento o district heating de San Caetano, sen ningún tipo de gasto para a Administración.

Estas medidas teñen múltiples beneficiarios: dunha banda, os empregados públicos e usuarios dos edificios públicos contarán con sistemas máis modernos que consumirán menos e mellorarán o confort dos usuarios. Concretamente no que atinxe ao emprego da biomasa supón un custo moito menor ao gasoil, xa que os aforros no custe da materia prima roldan o 40-45 por cento. Ademais, tamén se ve beneficiada a sociedade galega no seu conxunto xa que o uso da biomasa contribúe ao fortalecemento do sector industrial galego, xerando emprego e previndo os incendios forestais.

No período 2014-2015 a Vicepresidencia acometeu un investimento de case 420.000 euros ao renovar as caldeiras de 9 edificios xudiciais e 1 complexo administrativo e consumiranse sobre 175 toneladas de pellets ao ano, logrando, uns aforros en torno aos 33.500 euros anuais.